Fórmase en 2017 esta banda do Deza coa pretensión de encher un espazo no rock galego que non estaba baleiro; como non hai máis sentidiño, non hai reparo en ocupalo sen pedir permiso.

Sen ancorarse nun estilo concreto, e bebendo (sempre) de diversas influencias dentro do rock, a forza e a enerxía dos seus temas lévaos a denominalo sinxelamente como “caña” do país. Letras que conteñen crítica social, constatación das realidades cotiás que os rodean, denuncia das desigualdades sociais, ao mesmo tempo que tratan outras temáticas como o amor, o desamor, a amizade, e tamén a troula.

Logo de participar en varios festivais e concertos como a Algarabía ou o Noceda Rock, entran nos Estudios Mafia (O Carballiño) en setembro de 2019 para a gravación do seu primeiro EP, publican en xaneiro de 2020 o vídeo do tema “Animal Ferido”.

MEU xorde da amizade, unha xuntanza de compañeiros que precisan amosar as súas inquedanzas en forma de cancións, e que perdurará mentres estean unidos.

“Xuntos nos trunfos! Xuntos nos fallos tamén!” J. Pardo.